Durante o seu período de estudante a principios dos anos 90 participou en organizacións e accións de protesta contra as bases militares estadounidenses nas Filipinas e contra a débeda externa acumulada pola ditadura de Marcos. Como integrante dunha familia de pequenas labregas, axiña se uniu ao movemento labrego e atopou o seu fogar no traballo de acción política referido á soberanía alimentaria e dereitos sobre a terra.
No 2001, como Coordinadora de Mulleres Rurais da organización de investigación e activismo político Philippine Peasant Institute (PPI), Leyesa integrouse coas mulleres labregas e indíxenas para identificar temas relativos á programación de acción política e organización das mulleres. Xunto con outras activistas sobre a reforma agraria e o desenvolvemento rural, Leyesa deu pulo á voz das mulleres labregas, rurais, da pesca e indíxenas para conseguir o recoñecemento legal dos seus dereitos.
En 2008 foi autora da Enquisa sobre Mulleres na Agricultura e outros estudos de caso relativos ao xénero e ao desenvolvemento no sector rural. Ao crer que os dereitos se reclaman mellor cando as persoas que os esixen están organizadas, Leyesa foi unha das promotoras do 1º Congreso Nacional de Mulleres Rurais en 2003. Dende aquela xa se organizaron sete congresos ordinarios e reforzouse a Pambansang Koalisyon ng Kababaihan sa Kanayunan (PKKK, Coalición Nacional de Mulleres Rurais) con integrantes das 32 provincias.
Entre 2013 e 2017 coordinou a promoción de Grupos de Axuda Mutua (GAM), unha estratexia de organización comunitaria de mulleres empobrecidas no rural en colaboración coa ONG alemá Kinder-Not-Hilfe.
Dende 2018 ata a actualidade, Leyesa coordina o programa de Saúde e empoderamento sexual de PKKK que traballa a autonomía persoal e a xustiza reprodutiva, sobre todo a partir da crise sanitaria derivada da pandemia de COVID-19. Está implicada noutras campañas sobre seguridade ambiental e xustiza climática, como campañas contra os combustibles fósiles e a minería. Sempre que pode, escribe poesía e pinta.
Maria Daryl L. Leyesa atribúe o seu feminismo ás lideresas rurais que lle ensinaron a interdependencia da xustiza económica e a de xénero, o dereito a ter voz e ser escoitada e o empoderamento e igualdade.